No Día Internacional da Muller, queremos recomendarche algunhas lecturas que poderían interesarche. Incluímos xéneros como a poesía, o álbum ilustrado, a divulgación ou a narrativa. Son obras diversas que teñen en común voces de mulleres que se rebelan contra unha realidade que as incomoda. Hai moitos máis, pero estas son as nosas recomendacións de hoxe.
Álbum ilustrado
Estes libros do noso catálogo amosan nenas e mulleres que desafían os estereotipos.
Non a todas as nenas lles gusta o rosa é un álbum que racha cos roles a través do humor e A fotógrafa Perpetua repasa a historia da fotografía a través da vida dunha profesional do campo.
Pioneiras e Pioneiras 2 son dous libros que reúnen as biografías de mulleres que conseguiron vencer as barreiras impostas ao seu xénero e dar os primeiros pasos por vieiros transitados ata ese momento só por homes. Nestas páxinas atoparás fotógrafas, arquitectas, mestras, políticas, actrices, astrónomas, aviadoras...
Literatura infantil
Se falamos de mulleres que se rebelan, hai que mencionar á Señorita Bubble, unha inventora á que non lle importa ser repudiada pola súa forma de vivir fóra da norma. Esta serie de Ledicia Costas conta con tres título: A señorita Bubble, Baixo cero e Deus salve as raíñas.
Literatura xuvenil
Na nosa selección incluímos a obra gañadora do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2023, Furia, de María Reimóndez. Esta novela é unha reflexión sobre os afectos e o valor e un canto de amor ao boxeo cunha moza adolescente como protagonista.
Ademais, A pioneira, de Héctor Pena, conta a historia dunha futbolista que se enfronta á represión franquista na Coruña dos anos 30.
Por último, A cabeza de Medusa é xa un clásico de Marilar Aleixandre que relata a violación de dúas mozas. Gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2008, trata o papel do amor e a amizade na resistencia á vergoña e o medo tras unha agresión sexual.
Narrativa
Todos os relatos de Pecados Veniais, de Nazaret López, teñen como protagonistas mulleres. Neste contos, a autora retrata unha sociedade hostil que fai vulnerables as mulleres. Ademais, engadimos dúas novelas ás nosas recomendacións: Non temerás os coches amarelos e Elisa e Marcela. A primeira delas conta as vivencias dunha xornalista con problemas para conter os seus impulsos violentos e a segunda é a historia real da parella de mulleres que casaron en 1901.
Poesía
A poesía feita por mulleres e en galego é sinónimo de calidade e recoñecemento. Ademais, é unha poderosa voz que sinala a violencia e os abusos contra as mulleres. É tamén un espazo de reflexión sobre o propio papel que se lle outorga ás mulleres e os mandatos de xénero que recaen sobre elas. Velaquí tres exemplos que constatan a forte presenza do discurso feminista na poesía galega: Rosalía feminista, Metáfora da metáfora, de María Xosé Queizán, e o libro co que Yolanda Castaño acadou o Premio Nacional de Poesía, Materia.
Divulgación
Entre os libros de divulgación, seleccionamos un básico para achegarse ao pensamento feminista: Feminismos, de María Reimóndez e Olga Castro. Ademais, recomendámosche Bárbaras, de María Reimóndez, unha obra divulgativa que fala da menstruación.
Letras Galegas
O próximo 17 de maio, a Real Academia Galega homenaxea a Luísa Villalta, poeta da Coruña abertamente feminista. Por iso consideramos relevante incluír entre as nosas recomendacións algunhas das obras que publicamos con motivo desta homenaxe. Son Abonda con vivir, de Montse Dopico; Melodía de palabras, de María Canosa; e Alma de violino, de Eli Ríos, Beatriz Maceda e Laura Suárez.
Feliz lectura!
share