Xerais publica catro títulos arredor da biografía e a traxectoria de Luísa Villalta (1957-2004), a poeta homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024. Montse Dopico, María Canosa, Eli Ríos, Beatriz Maceda e Xurxo Souto asinan as obras que buscan achegar a poeta ao lectorado.
Dende o pasado mes de decembro están xa nas librarías os títulos Luísa Vilalta. Melodía de palabras e Luísa Villalta. Alma de violino, pensados para que os máis pequenos coñezan a obra e o legado de Luísa Villalta. Xa no mes de xaneiro publicouse Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta, un libro de Xurxo Souto en que explica o vínculo entre a poesía e a música a partir da formulación da propia homenaxeada. Por último, dende mañá mesmo estará á venda Abonda con vivir, unha biografía feita con retallos da memoria que gardaron de Luísa Villalta persoas que formaron parte da súa rede afectiva e que asina a xornalista Montse Dopico.
Luísa Villalta
Melodía de palabras
María Canosa relata nesta obra a biografía da poeta da Coruña para chegar ao público máis novo. A obra publícase na colección Merlín e inclúe imaxes da poeta e violinista. Un libro para nenos e nenas a partir de 11 anos.
Luísa Villalta
Alma de violino
Eli Ríos, Beatriz Maceda e a ilustradora Laura Suárez uniron o seu traballo para crear un álbum ilustrado co que descubrir a Luísa Villalta a partir das palabras. Partindo de termos que definen a poeta, este álbum achega algunhas claves para coñecer a súa traxectoria como música e poeta comprometida.
Somos un pobo de artistas
O método Luísa Villalta
En 1999 Luísa Villalta publicou O outro lado da música, a poesía, libro-referente, onde puxo en valor a mutua atracción que senten entre si a música e a literatura. Seguindo o seu método, Xurxo Souto penetra na selva vizosa da música galega contemporánea para procurar esa unidade primixenia.
Abonda con vivir
Luísa Villalta
Unha análise literaria, sociolóxica e histórica que percorre todas as mulleres que foi Villalta. Un diálogo, con forma de reportaxe, coas súas amizades para tentar explicar quen era Luísa e por que escribiu o que escribiu. Escrito pola xornalista Montse Dopico.
share