As persoas que formamos o equipo de Xerais queremos expresar o noso pesar polo falecemento de Miguel López, O Hematocrítico, na tarde de onte en Vigo. Do mesmo xeito, transmitimos todo o noso agarimo á familia e amizades do escritor, mestre e divulgador de contidos. Pedimos tamén respecto para a familia neste momento de dor e poñemos á disposición de quen queira enviar as súas condolencias o enderezo de correo electrónico hematocritico.actividades@gmail.com. Chegado o momento, Xerais informará de calquera novidade relativa aos actos de despedida do autor.
O Hematocrítico era autor de 17 títulos no catálogo de Xerais, e converteuse nun dos principais referentes da literatura infantil actual en Galicia e no resto do Estado. Libros como Dona Problemas (2023) ou a serie O Bosque dos Contos, que inclúe títulos como Feliz feroz. O lobiño riquiño (2016), Axente Riciños (2016) e O lobo con botas (2018), ilustrados por Alberto Vázquez; Rapunzel con piollos (2019), Alcaldesa vermella (2020), Vaia cabuxiño! (2021), Axente Riciños. Misión Princesa (2022) e Morto de fame (2023), ilustrados por Mar Villar. Ademais, en 2021 nace en Xerais a serie Os Hematiños, ilustrada por Alberto Vázquez, que leva cinco títulos publicados: Un can (2021), O meu irmono (2021), Gaivota gourmet (2022), Oso banda (2022) e Unha unicornia (2023). Hai só unhas semanas chegaba ás librarías Caramomia, unha obra conxunta que o autor asinaba xunto a Ledicia Costas, Daniel Landesa e María Lado, ilustrada por Martín Romero, que fora escrita durante a pandemia.
O humor foi o elemento común na súa obra, que achegou a lectura a toda unha xeración. O seu estilo desenfadado e o xeito en que conectaba cos intereses e códigos dos nenos e nenas deixa un recordo inesquecible nas persoas que o coñeceron. Recordarémoste sempre cun sorriso. Grazas, Hemato.
share