Once obras publicadas por Xerais forman parte da selección de lecturas de 2023 elaborada pola OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil). Este é un catálogo anual en que se recollen as principais novidades de literatura infantil e xuvenil publicadas no Estado.
Entre as obras seleccionadas atópase a terceira entrega da serie de comics protagonizados por Miñoca, Miñoca e Ourizo, de Ramón D. Veiga e Iván R.
Tamén para lectorado de entre 0 e 6 anos, a OEPLI inclúe O libro grande dos números pequenos, un álbum ilustrado con rimas de Berta Dávila e ilustracións de Gastón Caba que converte o exercicio de contar nun xogo. Garabitolas, de Xoán Babarro con ilustracións de María Lires, é outro libro de versos para o público máis novo que aparece na selección.
O catálogo recolle a obra gañadora do Premio SGAE de Teatro Infantil Mambrú volveu da guerra, de Carlos Labraña con ilustracións de Raquel Lagartos, e outros títulos da colección Merlín como o Premio Merlín 2023, A botella de lentellas, de Leticia Barbadillo ilustrado por Xiana Teimoy; O día que choveron gatos, de Eva Mejuto e ilustrado por Susana Suniaga, e Unha veciña de película, de Iria Misa con ilustracións de Laura Suárez.
A fotógrafa Perpetua, de Olaia Sendón é un álbum ilustrado que percorre a historia da fotografía e aparece no catálogo recomendado para lectoras e lectores a partir de 12 anos.
Na categoría de literatura xuvenil, a OEPLI destaca tres títulos da colección Fóra de Xogo: o Premio Jules Verne 2023, Furia, de María Reimóndez; o Premio Raíña Lupa 2023, A tribo do mar, de Lois Pérez, e A curva da pantasma, de Fran Alonso.
share