Xa é Entroido! Para celebralo, reunimos cinco títulos do noso catálogo para acompañarte nestas festas.
Formig4s. Misión Entroido, de Pere Tobaruela e ilustrado por Andrés Meixide.
A serie Formig4s conta cunha nova entrega dende hai só unhas semanas. Nesta aventura para lectoras e lectores de máis de oito anos, FORMOS4, FORX4N, FORNEL4 e FORM4IL enfróntanse ao doutor Paumao durante estas populares festas. Que tramará o malévolo científico? A brigada especial será capaz de poñer freo aos seus plans? Entroido, tempo de diversión e de aventuras da man das FORMIG4S entre máscaras e disfraces por Galicia adiante.
É tempo de Entroido, de Ramón D. Veiga e David Sierra.
Un álbum ilustrado para todas as idades que reúne os personaxes máis populares do Entroido galego para darse unha boa paparotada.
Non pare a festa!, de Ramón D. Veiga e David Sierra.
Segunda parte de É tempo de Entroido. Desta vez, os personaxes do Carnaval, armados de instrumentos musicais e outros útiles para montar estrondo, xúntanse co propósito de organizar unha boa festa. Porque o Entroido é para enchedoiros, mais tamén para trouleiros e folieiras.
O carnaval en Galicia, de Federico Cocho.
Unha rigorosa e amena monografía de Federico Cocho, con fotografías de Manuel G. Vicente, sobre o Entroido. O carnaval, tempo que precede á Coresma no calendario tradicional, é a festa da transgresión e da burla, que é tamén purificación, parodia, rexoube na representación do mundo. As súas raíces afondan na memoria máis antiga da nosa cultura e, a pesar das prohibicións cíclicas ao longo da historia, rexorde cun pulo sorprendente. Este rigoroso traballo de campo leva ao lector a través das máis diversas e carnavalescas paisaxes da nosa xeografía: as máscaras da cultura rural, os Momos e Mecos, Os Felos de Maceda, os míticos Cigarróns, os Troiteiros de Bande, os rechamantes Xenerais do Ulla, os Merdeiros de Vigo, Peliqueiros, Pantallas, Tamborradas de Viana do Bolo, Foleiros de Sande, Marfois, Choqueiros, Zarrampallos, Madamas e Galáns de Cobres... E tamén a rica tradición do carnaval nas vilas e cidades: o Urco e o Ravachol de Pontevedra, os apropósitos coruñeses... Un libro que afonda na profunda significación da festa.
A cociña do Entroido e do San Xoán, de Miguel Vila Pernas.
Entanto o tradicional entroido galego está en decadencia a favor dun carnaval unificado que nos transporta a celebracións afastadas da nosa cultura, a cociña do entroido conserva, por fortuna, todo o seu esplendor secular, de xeito que hoxe contamos cunha verdadeira cociña galega do entroido. Miguel Vila Pernas ofrécenos, con rigor e amenidade, un libro práctico que debulla a cociña do entroido (co porco como protagonista da mesa) e mais a cociña do San Xoán (evocada polas sardiñadas e os churrascos), pescudando na tradición e na cultura propias, sen esquecer as materias primas e ofrecendo un amplo receitario para cociñar, na casa os máis diversos pratos. Para o Entroido: o cocido, o lacón con grelos, a androlla, as filloas e freixós, as orellas de frade, as rosquillas, o tripón doce, o bandullo, etc.
share