Xerais ten en marcha o proceso de elección das obras candidatas aos Premios Xerais 2024. Os e as integrantes dos tres xurados xa teñen nas súas mans as obras orixinais que optan a acadar o Premio Xerais de Novela, o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o Premio Merlín de Literatura Infantil. Deste xeito, os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres 31 de maio. Unha semana despois terá lugar o segundo encontro en que se escollerán as tres obras gañadoras. O veredicto darase a coñecer a través das redes sociais e dunha nota de prensa que se difundirá na mañá do 8 de xuño. Este ano optan aos premios 103 orixinais. Este é o dato de participación máis alto dos últimos anos.
O xurado da XLI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 35 obras, está formado por: Celia Fernández (libreira en Espazo lector Nobel Ourense), Lucía Madarro (adestradora deportiva e bookstagrammer en @lumadoito), Asun González (graduada en Filoloxía Hispánica), Sergio Álvarez (ex futbolista e actual conselleiro do Real Club Celta de Vigo), Pedro Iburturúa (profesor xubilado de Lingua e Literatura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XVI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 34 obras, está formado por: Pedro Rodríguez Villar (xornalista e escritor), Ana Domínguez Rodríguez (bookstagrammer en @toxinhobooks), Antela Cid (actriz), Nanda Misa (costureira e contacontos), Giovanna Davila González (mestra) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXXIX edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 34 obras, está formado por: Alba Blanco Boga (libreira da Librería Seijas), Miguel García-Fernández (historiador e bookstagramer en @lectureo), Andrea García Martínez (escritora e ilustradora), Laura Romero (ilustradora e música. Actual presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración), Victoria García (mestra e escritora) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
share