Da man de Luís Mariño, daquela director de Edicións Xerais de Galicia, creouse no ano 1984 o premio Xerais de novela galega que ofrecía a singularidade (a diferencia do premio de referencia daquela, o Blanco Amor) de non esixir nas súas bases unha extensión prefixada para as obras que se presentaban ao concurso; sendo esta a primeira ocasión na que unha editorial acometía en Galicia empresa semellante. Queríase emular no noso sistema editorial, en formación, o modelo normalizado dos grandes premios literarios como o Planeta ou o Goncourt, convocados por empresas editoriais privadas. Dotado con 500.000 pesetas , foi fallado na cidade de Vigo o 10 de novembro -sábado anterior á festa de san Martiño- cita que se converteu en habitual durante as primeiras quince edicións, no seo dunha cea á que asistiron 250 persoas de diversos ámbitos da cultura, da administración e da sociedade civil do país.
Das vinte e nove obras participantes naquela primeira edición, o xurado outorgou o premio á presentada baixo o lema "Lagoa azul e branca", unha novela de xénero policial que logo aparecería co título Crime en Compostela, da que resultou ser autor, o xornalista e delegado da axencia EFE en Santiago, Carlos G. Reigosa. Crime en Compostela converteuse na década dos oitenta nun auténtico best seller da novela galega e deu pé a unha serie, polo momento de catro obras, protagonizada polo detective Nivardo Castro, que Reigosa titulou O misterio do barco perdido (1989), A guerra do tabaco (1996) e Narcos (2001).
Dotación e bases
O Premio Xerais de Novela está dotado con 10.000 euros.
O xurado está composto por cinco membros, escolleitos pola editorial entre lectores e lectoras, que deberán outorgar o premio por maioría de votos. Se así o estiman, poderán declarar o premio deserto.
Bases do Premio Xerais de Novela 2025
Todos os Xerais
O xardín das pedras flotantes
share